Wednesday 08 de May de 2024

Moeche contrata un técnico de Turismo para preparar a campaña estival e axudarlle á hostalaría a promocionar os seus negocios


O contrato, de 6 meses de duración, está financiado pola Deputación da Coruña

Hoxe volveu abrir as súas portas a Oficina de Turismo do Concello de Moeche para ir preparando a temporada estival, que neste 2020 se presenta atípica por mor da actual situación sanitaria e dunha incerta “nova normalidade” que virá trala Fase 3 da desescalada. Todo apunta a que as preferencias turísticas se decantarán por destinos afastados dos grandes polos costeiros e por experiencias en contacto coa natureza e sen aglomeracións. Condicións que Moeche cumpre de sobras e que se encargará de promocionar a oficina até o primeiro de decembro, facendo valer para iso os principais recursos do territorio: o castelo, as xeorutas e mesmo outras actividades relacionadas coa dinamización da hostalaría, principal afectada pola crise da COVID-19. O Concello recibiu unha axuda de algo máis de 10.000 € procedente da Deputación da Coruña para sufragar un contrato de 6 meses que se tramitou mediante unha solicitude de persoas candidatas ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

O labor do técnico municipal desdobrarase entre a Casa do Concello e o castelo. Así, até o 19 de xuño atenderá na sede municipal en horario de 9.00 a 14.30h. e entre o 20 de xuño (data na que abrirá o castelo) e o 15 de outubro combinará ambos emprazamentos: de martes a venres entre as 11.30 e as 13.30 na casa consistorial e de 16.30 a 19.30h. na fortaleza de San Xurxo, onde tamén permanecerá os sábados, domingos e festivos de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h., reforzando ademais o labor da técnica do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas.

O seu traballo, porén, non se limitará só á atención de visitantes e á promoción do castelo, senón que tamén servirá para levar a cabo outras actividades. Unha das primeiras será a de guiar á hostalaría local no aproveitamento das redes sociais para a mellorar o posicionamento dos seus negocios.

Por outra banda, desde a oficina tamén se abordará o deseño dunha nova ruta de sendeirismo e a coordinación das rutas xeolóxicas do toelo e do cobre que regresarán no verán. Por último -e en relación co xeoturismo-, dentro das funcións do técnico tamén se encontra a aplicación en Moeche das liñas de actuación marcadas no plan estratéxico do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

O contrato finánciase cunha axuda de 10.183,24 euros da Deputación da Coruña dirixida especificamente á contratación de persoal de oficinas de Turismo durante os meses en que se agarda unha maior afluencia de visitantes. Segundo o sector, o verán e mailo outono deste 2020 van ser atípicos en canto a preferencias de lecer, posto que se prevé un turismo máis pausado e sostible -o chamado turismo slow- no que cumprirá atender perfís á procura de natureza, cultura e patrimonio lonxe de aglomeracións.

Xunto con esta subvención a Deputación tamén colaborará co Concello na impresión de 13.000 folletos en galego, castelán e inglés referidos ao castelo e os diferentes recursos turísticos do municipio.